martes, 24 de febrero de 2009

LEMBRANDO A ROSALÍA

Non podemos deixar pasar o Día de Rosalía sen lembrarnos da nosa poetisa máis universal, que naceu un 24 de febreiro de 1837, en Santiago de Compostela, e morreu en Padrón en 1885. Figura clave do Rexurdimento galego, tamén produciu literatura en castelán, e foi considerada, xunto a Bécquer, a gran representante do Romanticismo tardío.


Algúns apuntamentos sobre a súa obra:

Moi nova, aos 20 anos, publicou La Flor, de corte romántico próximo ao de Espronceda.
En 1863 publica Cantares gallegos, na nosa lingua, con temática social e costumista. Con esta obra e xunto a Curros Enríquez e Eduardo Pondal iníciase ou Rexurdimento cultural de Galicia.
En Follas Novas (1880), a nostalxia, a soidade e a tristeza que ela sinte identifícanse co sufrimento do pobo galego. Aparece o tema da morte como liberación da dor.
En las orillas del Sar, publicouse en 1884. Dun marcado pesimismo reincide no tema da morte, do sufrimento, da vellez... Os seus poemas, son considerados como precursores da poesía moderna xa que inicia un camiño de ruptura co estilo da súa época, deixando a súa pegada en poetas posteriores como Antonio Machado.

Un bo xeito de achegar a poesía de Rosalía aos máis pequenos é a través do libro Adiós ríos, adiós fontes, da editorial Baía, con ilustracións de Rodrigo Chao Blanco. Este libriño, que xa circula polos fogares do noso alumnado nas mochilas viaxeiras, recolle un dos poemas máis coñecidos de Cantares gallegos.

Arredor da obra de Rosalía, e como recurso para empregar na aula, a Fundación Caixa Galicia facilita un material didáctico elaborado co motivo da exposición "Rosalía ilustrada", con actividades dirixidas a todos os ciclos da E. Primaria (Vía Raioteca)

Preme na seguinte imaxe para acceder ás fichas:

ANTONIO MACHADO

No setenta aniversario da morte do noso poeta universal Antonio Machado podemos aproveitar para lembrar a súa obra e reler aqueles poemas inesquecibles que nos acompañan dende a infancia e que siguen vixentes pola súa sensibilidade, beleza e por ser capaces de acariñar a nosa alma...

Título: ANTONIO MACHADO PARA NIÑOS Y NIÑAS... Y OTROS SERES CURIOSOS
Ilustracións de Tesa González
EDICIONES DE LA TORRE, 2007


A doctora en Filoloxía e especialista en LIX, Anabel Sáiz Ripoll, fai unha crítica ben atinada sobre este libro no blog Pizca de papel, a cal transcribo aínda que me tomei a liberdade de traducila:

Don Antonio Machado Ruiz marcou a xeracións de poetas e intelectuais, aínda que a súa voz permanece tamén na alma do pobo, do pobo ao que tanto reivindicou e amou. Para Machado a poesía é "palabra no tempo". Non vale nada se non serve de nada, se ninguén vai pronunciala, se a ninguén lle importa. Por iso imprimiu nos seus poemas a súa propia vida, por iso a súa obra é o reflexo da súa existencia. Antonio Machado non deixou de escribir nunca; é máis, fíxoo frenéticamente nos inicios da Guerra Civil, para "A Vanguardia" e para "Hora de España" que, por aquel entón, dirixía Rafael Alberti.

Así, o ramillete de poemas que forman o libro que hoxe comentamos responde á idea que acabamos de sinalar de "poesía como palabra no tempo". Trátase de poemas breves, con rima asonante e cunha musicalidade moi marcada que os fan apropiados para os nenos, aínda que ás veces non sexan capaces de captar todo o trasfondo do poema si poden sentir as súas palabras e a súa cadencia.

En Antonio Machado para niños y niñas... reúnense unha serie de poemas pertencentes a Soidades, Campos de Castilla e á sección de Proverbios e cantares que permiten, ao lector que por primeira vez se achegue á poesía de don Antonio, entender por que as súas palabras seguen calando na alma de quen as le, por que a súa mensaxe é atemporal e por que aínda marca ás xeracións actuais de poetas.

As ilustracións de Tesa González son particularmente acertadas xa que as reviste dun aire entre escolar e infantil posto que usa unha especie de imitación do caderno que todos tivemos de nenos e que aínda teñen os nosos pequenos, o caderno cuadriculado; moitos destes debuxos semellan arrincados deste caderno. En definitiva, son ilustracións que se alían moi ben co texto. A da portada, por exemplo, ilustra un dos poemas máis belos de don Antonio, "Soñei que ti me levabas" e representa o amor entre Leonor e o poeta.

O libro, como é usual na colección contén uns datos biográficos do poeta breves, pero moi precisos e unha folla onde o lector pode escribir o seu poema, ilustrar un ou comentar as súas impresións.

Antonio Machado para niños y niñas... y otros seres curiosos é un libro moi coidado, amorosamente coidado, que nos ofrece, de xeito sensible e fermoso, unha boa selección dalgúns dos poemas do poeta sevillano que, polas súas características, máis poden gustar aos nenos e... aos maiores porque a poesía non ten idade.


Tamén podes ler AQUÍ unha selección de poemas de Antonio Machado

lunes, 23 de febrero de 2009

ENTROIDO 09: Historias da Astronomía

QUE BEN O PASAMOS NO ENTROIDO!!
O venres, día 20, celebramos o entroido no ximnasio do cole, coa asistencia de moitas familias que acudiron para compartir con nós unha tarde de diversión e risas a esgalla. Ás 4:30 comezou a festa, que este ano estivo adicada á astronomía. Todo o alumnado do Centro participou nunha representación colectiva que levaba o título: HISTORIAS DA ASTRONOMÍA, onde se relataba humorísticamente a evolución dos coñecementos sobre o espazo dende Copérnico e Galileo ata a nosa época, con viaxes espaciais e mesmo cun descubrimento extraordinario: a aparición dunha vaca marela en Marte!!!
Por suposto, e como todos os anos, contamos coa colaboración de membros da ANPA cunha participación estelar na obra que nos deixou a tod@s coa sensación de que o talento interpretativo do noso alumnado ten unha orixe xenética ben clara.

Aquí vos deixo unha pequena mostra do que foron as HISTORIAS DA ASTRONOMÍA do Mestres Goldar:


Podes ver máis fotos do ENTROIDO se premes na imaxe do MARCIMECO





Ubaldo, orientador no noso centro, fai unha completa reportaxe no seu blog sobre o ENTROIDO NO MESTRES GOLDAR, con vídeos e coa transcrición do guion da obra. NON O PERDADES!!!
Se queres velo preme na foto do profe Toniño